Manuel Rivas denuncia abertamente as consecuencias da reforma do voto exterior
O escritor galego Manuel Rivas denunciou o pasado venres, nun artigo titulado «Cando as palabras queren emigrar» e publicado no xornal «El País» a escasa participación dos emigrantes galegos nas pasadas eleccións xerais consecuencia, segundo o recoñecido novelista, da reforma do voto exterior.
O censo de residentes ausentes, «eufemismo técnico produto do pensamento de novo rico», reflicte unha caída do 35% ao 4,21% e por iso Manuel Rivas proponse atopar as causas desta «auténtica hecatombe na participación electoral», froito da discriminación que padecen os emigrantes, aos que os políticos consideran un «encordio», «unha cousa doutro tempo, unha accidente histórico superado e o exilio iso xa era arqueoloxía do tempo da Guerra de Troia e a Odisea de Homero».
A pesar diso, Manuel Rivas asegura que «non hai prestidixitador que faga desaparecer centos de miles de emigrantes. Nin o tecido solidario e cultural que, a pesar de tantas adversidades, mantén viva a diáspora», unha emigración «que se compromete no lugar onde vive sen por iso renunciar ao camiño facilmente substituíble e que comunica coa nación de orixe».
Neste texto, o recoñecido escritor analiza as lecturas feitas polos partidos políticos tras estes resultados. «Haberá quen faga a broma de que esta vez non votaron os defuntos, como ocorreu nalgunhas convocatorias manipuladas polas redes de axentes ou tratantes que movían os grandes políticos», un caciquismo que, segundo relata Manuel Rivas, «foi planeado e explotado ata niveis de delincuencia polas burocracias partidarias, aproveitándose en moitos casos das situacións de necesidade».
Por outra banda, explica que coa reforma do voto exterior tamén se intentou impedir o voto da diáspora alegando que «un emigrante non coñece suficientemente a realidade galega como para decidir co seu voto», razón que o escritor contrarresta preguntando «cantos galegos que residen en Galicia non viven no desinterese e na indiferenza sobre os problemas comúns?».
Ante estas posturas, o coñecido escritor fala desde a súa experiencia froito do seu trato «con xente de aquí e de alá» e asegura que «Galicia existe en gran parte por mor da emigración, da re-existencia da emigración e a herdanza do exilio». Ademais, sostén que «nos lugares hoxe máis activos da emigración (como Bos Aires e Montevideo, en América, e París e Basilea, en Europa) hai máis coñecemento histórico e máis ángulo de visión sobre Galicia, como unha 'cosmopolis' e non como un buraco na esfera, que é o que un atopa en cidades como Coruña e Vigo».
No seu discurso considera que a reforma do voto exterior «fíxose totalmente ás costas da emigración» e que «os que antes eran destinatarios de grandilocuentes discursos pasaron a non valer un peso» e «a ser tratados como son tratados os parentes incómodos, que debían saír na foto».
Con todo, o autor de «O lapis do carpinteiro» di que «a vida dá moitas voltas» e fai alusión a que «hoxe comeza a falarse dunha nova emigración da mocidade galega», especialmente a Brasil e Arxentina, país no que, recomenda, os mozos deberían visitar o Museo da Emigración que foi aberto pola Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina no barrio de San Telmo.
Fonte orixinal da nova: Crónicas de la Emigración
No hay comentarios.:
Publicar un comentario